Con vinte anos de experiencia no sector da cartografía, Cartogalicia é unha das empresas pioneiras a nivel nacional no eido da xeotecnoloxía. Ao longo da súa traxectoria, consolidouse como referente no uso de drons para a captura de información tridimensional do territorio, converténdose nun referente en Galicia en canto á aplicación de novas tecnoloxías ao estudo da paisaxe e do terreo. A súa capacidade para integrar innovación e precisión fai que participe activamente en proxectos que buscan mellorar a xestión e rendemento dos recursos naturais, como é o caso da súa colaboración en Lazteo.
Os drons na agro-gandaría: os cultivos e a tecnoloxía son compatibles
Co obxectivo común dunha agro-gandaría máis respectuosa co medio, Cartogalicia e Lazteo traballan da man na mellora da eficiencia do sector lácteo galego. Co eixo centrado no smartfarming, preténdese optimizar a actividade da industria mediante o uso de teconoloxías intelixentes co fin de mellorar a xestión dos recursos e reducir o impacto ambiental. A experiencia de Cartogalicia en tecnoloxías de cartografía e análise de datos resulta esencial para acadar estes obxectivos, ofrecendo ferramentas precisas que permiten unha toma de decisións máis informada e eficiente no ámbito agrícola.
Así, coa chegada do bo tempo e a tempada de cultivo e posterior recollida, Cartogalicia sacou os seus drons a pasear por San Sadurniño e Miño co obxectivo de estudar as plantacións de millo sitas nestes concellos do norte da provincia da Coruña. Esta colaboración entre a empresa de cartografía e Lazteo, desenvolverase ao longo de tres fases clave da tempada estival: o momento de plantación, o seguimento da evolución do cultivo e, finalmente, a fase de recollida. Durante estas etapas, os drons serán empregados para obter imaxes aéreas de alta resolución sobre amplas extensións de terreo. O obxectivo principal é coñecer en detalle o estado de cada zona da plantación e actuar en consecuencia para maximizar o rendemento da explotación, reducindo custos.
O uso dos drons, ademais, supón unha importante vantaxe operativa, xa que poden cubrir grandes extensións de terreo nun tempo moito menor ca as inspeccións manuais. Os datos recompilados poderán integrarse con outros sistemas dixitais, como os software de xestión de cultivos, ofrecendo unha visión global e detallada do estado das parcelas. Desta maneira, as decisións agronómicas poden tomarse practicamente en tempo real e con base obxectiva, contribuíndo de forma decisiva á consolidación dunha agricultura de precisión adaptada aos retos ambientais actuais.

A información obtida a través das imaxes aéreas é sometida a unha análise de datos detallada mediante sistemas integrados de xestión. Esta monitorización permite realizar un seguimento preciso dos cultivos desde a sementeira ata a colleita, facilitando a detección temperá de anomalías, como estrés hídrico, deficiencias nutricionais ou enfermidades. A análise tamén posibilita o establecemento de zonas de manexo diferenciadas en función de variables como o tipo de solo, o rendemento, a rotación de cultivos ou a xestión do rego. Esta aproximación permite reducir os custos de produción, aplicar solucións de forma máis precisa e minimizar o impacto ambiental.


