loader image

A produción de leite en verán en Galicia: claves para unha produción respectuosa e eficiente

01/08/2025 | Novidades

A produción de leite nos meses de calor implica retos significativos nas granxas galegas. Co aumento das temperaturas, os pastos perden calidade e os animais sofren estrés térmico, o que afecta tanto á cantidade como á calidade da produción. Porén, grazas á investigación colaborativa promovida polo proxecto Lazteo, estes desafíos están a abordarse mediante tecnoloxías innovadoras pensadas para reducir a pegada ambiental e garantir unha explotación máis resiliente.

Lazteo reúne ás principais empresas tecnolóxicas galegas para impulsar o smartfarming no noso territorio. Entre os seus colaboradores, destacan Innogando, Bioflytech – Alfaprogal e Cartogalicia, que xuntos achegan solucións tácticas para adaptar as granxas ás condicións climáticas extremas do verán.

;

Lazteo e o impacto climático: as empresas galegas que se unen para repensar o sector lácteo de Galicia

O primeiro eixo de acción céntrase na monitorización avanzada dos cultivos e do solo. Cartogalicia, pioneira no uso de drons e sensores IoT, realiza voo autónomos sobre os pastos e terreos, recollendo imaxes aéreas de alta resolución. Estes datos permiten mapear zonas con estrés hídrico ou déficit nutricional, facilitando a xestión diferenciada das parcelas. Grazas ao uso de plataformas dixitais e algoritmos de intelixencia artificial, os datos transfórmanse en accións concretas: axuste do rego, corrección de fertilización ou plantacións máis eficientes, reducindo perdas e custos enerxéticos

O segundo eixo é a creación de xemelgos dixitais das granxas. Estes modelos virtuais integran datos de sensores, drons e sistemas de xestión, permitindo analizar o comportamento tanto das leiras como do rabaño en tempo real. A iso súmanse solucións como os colares intelixentes, que rexistran parámetros vitais dos animais (temperatura, movemento, inxestión) e axudan a detectar situacións de estrés ou enfermidades de forma temperá.

Innogando, formada por enxeñeiros e veterinarios galegos, aporta neste capítulo co seu dispositivo ‘Rumi’, un xeolocalizador e sensor que permite medir o comportamento das vacas en pastoreo. Grazas a iso, podemos cuantificar a pegada de carbono do rabaño e mellorar a súa alimentación e benestar ao calibrar a nutrición segundo as súas necesidades reais. Esta monitorización, xunto cun modelo de predición alimentado por IA e Machine Learning, pode anticipar cambios e optimizar recursos, reducindo estrés animal e aumentando a produtividade.

Portomuiños e Alfaprogal suma o terceiro eixo: a innovación ecolóxica. Traballan no impulso de aditivos antimetanoxénicos producidos con macroalgas, residuos forestais e insectos, que complementan a alimentación dos rabaños reducindo emisións de metano e a importación de materia prima, priorizando a produción local. Este enfoque ergue unha ponte entre a sustentabilidade ambiental e a eficiencia alimentaria, mellorando o rendemento sen empregar produtos sintéticos e promovendo a economía circular local.

A resiliencia da industria láctea galega no marco do cambio climático

O verán do cambio climático nas granxas de leite galegas será moito máis levadeiro. Grazas ao proxecto Lazteo, que integra smartfarming e innovación ecolóxica, as explotacións están a transformar o estrés climático nunha oportunidade. As empresas tecnolóxicas galegas están ao volante desta transformación, con ferramentas como drons, sensores, xemelgos dixitais, IA, colares intelixentes e aditivos naturais que permitan unha produción de leite máis sostible, eficiente e adaptable.

Este é un modelo que destaca no panorama agrogandeiro comunitario, facendo o campo máis atractivo para as novas xeracións e aumentando a profesionalización das explotacións. En definitiva, Galicia avanza cara a unha gandaría do futuro: tecnolóxica, responsable e preparada para os novos retos climáticos, conservando a conexión co medio rural.