O sector gandeiro galego está a experimentar un proceso de transformación alimentaria que busca incrementar a sostibilidade, reducir o impacto ambiental e mellorar a eficiencia das explotacións.
Entre as áreas máis prometedoras atópase a introdución de proteínas alternativas na dieta do gando, concretamente a fariña de insectos e as algas. Estas fontes alimentarias presentan múltiples beneficios: son altamente nutritivas, menos contaminantes que as fontes convencionais e ofrecen un recurso máis resiliente fronte ás variacións do mercado e ás limitacións ambientais. Neste contexto, Lazteo traballa de forma colaborativa con empresas e centros de investigación galegos para avaliar, implementar e optimizar o uso destas alternativas en explotacións leiteiras galegas, asegurando un equilibrio entre rendemento produtivo e sostibilidade ambiental.

Alfaprogal-Bioflytech: os insectos como alimento para a agrogandaría de Galicia
A fariña de insectos destaca por ser unha fonte de proteína completa, rica en aminoácidos esenciais, minerais e vitaminas, que permite satisfacer as necesidades nutricionais do gando sen depender exclusivamente de materias primas como a soia ou o millo, cuxo cultivo conleva un maior impacto ecolóxico. A produción de insectos é eficiente en espazo, consumo de auga e emisión de gases de efecto invernadoiro, polo que a súa integración na alimentación representa unha forma de reducir a pegada ambiental da explotación sen comprometer a saúde nin a produtividade dos animais. Ademais, a utilización deste alimento favorece unha maior diversificación das fontes de proteína, incrementando a resiliencia da granxa fronte a cambios climáticos ou variacións de mercado.
Neste eido Alfaprogal-Bioflytech colabora en Lazteo no desenvolvemento deste tipo de fariñas aplicadas á agrogandaría do territorio galego, co obxectivo de observar como a elaboración de pensos con fariña de insectos pode implementarse nas granxas de Galicia e cal é a súa acollida, así como a súa viabilidade no contexto actual.
As algas como alimento antimetatoxénico e como atallar os gases de efecto invernadoiro con antelación
As algas, especialmente as macroalgas, completan o perfil nutricional ofrecendo beneficios adicionais para a dixestión, a saúde intestinal e a reducción de emisións entéricas de metano. A incorporación de aditivos baseados en algas permite mellorar a eficiencia alimentaria, reducir o impacto ambiental e optimizar o rendemento lácteo, converténdose nunha ferramenta clave para unha gandaría sostible. A combinación de fariña de insectos e algas permite ás explotacións xestionar a nutrición do gando dun xeito máis intelixente, garantindo calidade do leite, benestar animal e menor impacto ambiental, que son obxectivos centrais do proxecto Lazteo.
Lazteo colabora con Porto-Muiños S.L. para implementar as macroalgas no alimento do propio gando e así minimizar os gases que expulsan os animais no propio organismo. Tamén aposta por integrar estas novas fontes proteicas con tecnoloxías de monitorización e análise de datos dixitais que permiten rastrexar a saúde e a alimentación de cada animal. Esta información posibilita axustar a dieta individualmente, detectar anomalías de forma temperá e optimizar a eficiencia global da granxa. A combinación de proteínas alternativas con ferramentas de smartfarming reflicte a visión integral do proxecto: producir máis e mellor sen incrementar o impacto ambiental.
Ademais, estas innovacións teñen un valor engadido no ámbito da sostibilidade e da competitividade. Reducir a dependencia de insumos convencionais diminúe custos e exposición a volatilidade de prezos, á vez que fortalece a resiliencia da explotación. Ao mesmo tempo, as prácticas sostibles reforzan a confianza dos consumidores, cada vez máis preocupados pola orixe e o impacto ambiental dos produtos lácteos que consomen.
A implementación de proteínas alternativas como fariña de insectos e algas representa un paso clave para unha gandaría máis eficiente, sostible e preparada para o futuro. A colaboración entre empresas tecnolóxicas, investigadores e ganderías, promovida por Lazteo, garante que estas innovacións sexan aplicables, adaptadas á realidade galega e capaces de mellorar tanto a saúde do gando como o rendemento ambiental e económico das explotacións leiteiras.

